O libro trata a Historia da Galicia medieval dentro da historia de Galicia máis xeral. Divide a historia de Galicia medieval en tres bloques:
a) Galicia altomedieval;
b) A Era compostelá;
c) A crise baixomedieval
Este é unha versión última de todos os libros que se editaron en Galaxia escritos por Ramón Villares co título “Historia de Galicia” desde 1984.
“Hoxe é máis difícil do que daquela facer un libro coma este, breve e xeral. Pero o risco paga a pena” (p. 14).
“Este libro aspira máis do que a definir Galicia, a pensala históricamente, ao modo con que Pierre Vilar gustaba de se achegar á realidad histórica de Cataluña” (p. 15).
“Esta versión da historia de Galicia ten algunhas novidades: a) a reformulación da Galicia sueva e do papel de Martíño de Dumio; b) a incorporación de contidos relativos á historia da cultura; c) o papel dos polos urbanos”.
“A Historia ten desempeñado un papel central na formación da cultura galega ou, dito doutro modo, na identificación de Galicia como unha nación-cultura de Occidente. O labor dunha esforzada historiografía, desde os templos románticos ata os nosos días é algo que forma parte esencial da cultura galega actual” (p.18).
“Como entender unha historia de Galicia, dentro dunha longuísima tradición historiográfica que identifica Nación con Estado? O asunto está lonxe de resolverse porque ou ben se fai historia do Estado-nación ou ben se cataloga o resto como variantes da historia local, sexa unha rexión ou unha cidade” (p.20).
“En térmos mái claros, direi que esta historia de Galicia parte do suposto de que integra toda a fartura de feitos producidos polas comunidades humanas que moraron no territorio coñecido, con diferentes lindeiros como Gallaecia ou Galicia. Pero non é unha historia dun Estado-nación en potencia, senón dunha Nación-cultura en plena actividade presente e futura, con independencia do que aconteza na evolución política no porvir”.
Autor
Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006.
Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002).
Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios padroados de centros e de fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).
Director de máis de vinte teses doutorais, tamén ten sido Investigador principal de varios Proxectos de investigación (convocatorias competitivas), así como de máis dunha treintena de convenios de investigación (Transferencia de tecnoloxía). Ademais de ter participado en numerosos Comités de Avaliación de Proxectos de investigación desde 1988 (DGICYT, Xunta de Galicia, AGAUR de Cataluña, FYCIT de Asturias), ten sido Consultor externo do Instituto de Ciencias Sociais (Universidade de Lisboa), desde 1999 a 2010. Tamén ten realizado estancias de investigación na Universitá di Bologna (1989), na EHESS de París (2001) e na UNAM de México (2018). En 2007/2008, foi Chairman do Panel de Avaliación das Unidades de investigación en Historia de Portugal (FCT) e durante os anos 2009/2011, Chairman do Panel de Evaluación de Proxectos de Investigación do Area de Historia, Patrimonio e História da Ciencia (FCT, Portugal).
As súas liñas de investigación son Historia agraria, politización campesiña, historiografía, estudos culturais, historia das migracións e do exilio.
Algunhas publicacións relevantes:
La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Editorial Siglo XXI, Madrid, 1982, 453 pp.
Donos de seu. Estudios de historia agraria de Galicia (ed.), Editorial Sotelo Blanco, Barcelona, 1988, 427 pp.
Historia da emigración galega a América, (con Marcelino Fernández Santiago), Xunta de Galicia, Santiago, 1996, 171 pp. Figuras da nación, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997, 277 pp.
El mundo contemporáneo. Siglos XIX y XX, (con Ángel Bahamonde), Editorial Taurus, Madrid, 2001, 621 pp.
Historia de Galicia, Editorial Galaxia, Vigo, 2004, 476 pp.
Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, Biblioteca de Estudos Oterianos, (Fundación Otero Pedrayo), TrasalbaOurense, 2007, 202 pp.
Restauración y Dictadura, vol. 7 de Josep Fontana e Ramón Villares (directores), Historia de España, Editorial Crítica / Marcial Pons, Barcelona, 2009 [ISBN 978-84- 4423-921-8], 760 pp. (en colaboración con Javier Moreno Luzón).
Para máis información, ver:
Lugar de publicación
A Coruña, La Voz de Galicia.
Perspectiva historiográfica
A perspectiva está asociada ás últimas tendencias historiográficas que buscan integrar o cultural, o socioeconómico e o política.
Fontes
Paulo Orosio, Díaz y Díaz, L. Martínez Padín, P.C Díaz, López Pereira, E. Portela, M. C. Pallares, Murguía.
Concepción do Reino de Galicia
O reino de Galicia está asociado a Gallaecia: “Colle corpo a idea de Gallaecia, xa provincia romana, pero tamén se acentúa a asunción da cultura latina, en especial en Braga” (p. 83).
“Os suevos lograron fusionarse coa poboación da provincia e, a través da obra catequética e reformadora de Martiño de Braga, encarreirar as prácticas relixiosas da poboación galaico-romana pola vía cristiá. Despois de un predominio escuro de predominio visigodo sobre Galicia e da posterior invasión musulmá que apenas deixará aquí pegadas, iníciase unha etapa de organización (máis do que repoboación) do territorio, na que se botan os derregos do que pode considerarse un réxime señorial e unha sociedade feudal” (p.84).
“Proceso de formación do feudalismo no que as inmigracións cara a Galicia de nobreza visigoda fuxida das terras musulmás e a organización dunha nova monarquía, xeralmente coñecida como asturiana, desempeñarán un importante papel. Pero esta aparición da monarquía cristiá en terras da vella Gallaecia non estará exenta de tensións e revoltas que, en boa parte, tentarán de ser coutadas coa difusión do achado do corpo do apóstolo Santiago o Maior en terras de Compostela. Nace, así, un culto xacobeo e unha aglomeración urbana que tanta relevancia collerán nos vindeiros séculos da historia de Galicia” (p. 84).
“O Priscilianismo é un movemento relixioso caracterizado polas tendencias ascéticas rigoristas e un forte matiz antisocial, que aspiraba a unha reforma interior da Igrexa” (p.90).
“Os suevos que chegaron a Galicia eran poucos -aproximadamente, uns trinta mil- e a súa zona de ocupación e asentamento foi a rexión bracarense, a onde limitaron inicialmente o seu campo de acción, para non perderen forza e identidade. O asentamento fíxose de forma pacífica e procurando a fusión coa sociedade galaico-romana. Braga foi a capital do futuro reino suevo”.
“Para Gregorio de Tours, o reino dos suevos converteuse en Galliciense Regnum. Esta mudanza apunta ao feito de producirse unha identificación da monarquía sueva cun territorio concreto, proceso que foi posible grazas á influencia da Igrexa e á súa capacidade de ordenación do territorio. Este era o terreo co que se atopou Martiño de Braga, cando chega ás partes occidentais da Iberia” (p. 94).
“A pegada histórica de Martiño de Braga e, en xeral, da propia Igrexa cristiá, foi decisiva para a estruturación da sociedade galaico-sueva, agrupada en torno a unha vida monástica vizosa e unha ordenación eclesial espallada por todo o territorio” (p. 99).
“Con todo, mesmo despois da desaparición do reino suevo, as descricións que se fan da península Ibérica equipararán frecuentemente os termos Hispania e Galia co de Gallaecia, como sucede en varias pasaxes de concilios toledanos. Isto demostra que a singularidade da Gallaecia sueva e visigoda era percibida con precisión desde fóra” p. 101).
“Despois da incorporación de Galicia ao reino visigodo, apenas dispomos de noticias sobre a súa evolución histórica concreta, aínda que cabe supoñer que se acentuaron as tendencias iniciadas coa implantación dos suevos. Este proceso que conduce á feudalización da sociedade galega tampouco parece torcerse coa invasión da Península polos árabes, a partir do ano 711” (p. 101).
“O territorio de Gallaecia foi, durante estes séculos da Alta Idade Media, un espazo fronteirizo, no que eran obligados tanto os contactos como as influencias entre culturas e tradición ben diversas. Dunha banda, a que permanecía da época sueva e visigoda, que en Galicia contaba ademáis co feito de constituirse como reino” p. 102)
“A organización e control do espazo da Gallaecia é o piar no que se fundamenta a sociedade feudal altomedieval. Pero a explicación deste proceso histórico dista moito de estar concluída. A visión da historiografía medievalista galega, que seguía nisto as interpretacións acuñadas por C. Sánchez Albornoz e R. Menéndez Pidal, tendía a interpretar este proceso como unha variante da repoboación que clasicamente tivo lugar na meseta leonesa e castelá arredor do río Douro. Non obstante, as pescudas máis recentes, afortaladas aínda máis co estudo do Tombo de Celanova, permiten afirmar que en Galicia non houbo un previo despoboamento que xustifique a posterior repoboación” (p.103).
“O papel dos mosteiros é talvez o factor máis decisivo na organización política da Galicia altomedieval, grazas á tradición do monacato suevo e visigodo, rexido pola Regula communis de Frutuoso” (p.107).
”Este proceso de señoralización de Galicia foi propiciado pola nobreza e, moi en especial, polos monarcas xurdidos na Gallaecia oriental sobre a base da aristocracia visigoda que se refuxiou nas montañas de León e Asturias perante a acometida dos musulmáns e que organiza, deste modo, un núcleo político independente do Islam. (pp. 108-109).
“A isto responde a monarquía asturiana, así chamada polos seus primeiros cronistas da época de Afonso III, pero que na realidade era identificado desde o exterior como Galicia, isto é, a Gallecia da tradición romana. De feito, ata finais do século XI non se consolida políticamente o territorio desta Gallaecia. Foi daquela cando naceu o reino de Portugal en terras do vello convento bracarense, se feine con precisión o reino de Galicia no antiguo convento lucense e prosegue o seu desprazamento cara ao sur o convento asturicense a través da monarquía leonesa e logo castelá” (p. 109).
“O núcleo político independente que nace no século VIII na versión lendaria de Paio e de Covadonga, forma parte pois do territorio asturicense da antiga Gallaecia, o que permitiría cualificar a esta monarquía norteña como galega, no canto de asturiana ou leonesa, como insiste teimudamente unha historiografía fundamentanda nas Crónicas coetáneas” (p. 110).
“Un rosario de revoltas nobiliarias contra os monarcas alóngase desde o século VIII (reinado de Fruela), deica o século XI (acceso ao trono de Fernando I), o que constitúe mostra evidente da vontade de parte da nobreza galega non tanto de se converter en reino separado, senón de configurar de modo distinto a dinastía reinante. Esta escisión interna da nobreza galega deu lugar á definición de dous bandos ou partidos, coñecidos como defensores e traditores (…) Mentres os defensores concibían a acción do monarca sobre o reino a través da nobreza, os traditores defendían unha posición inversa, na que a acción do monarca estivese mediada pola propia nobreza” (p. 112).
“Nos terreos da diócese de Iría rexida por Teodomiro, tivo lugar o feito de máis importancia para o porvir de Galicia, acontecido neste período altomedieval: a invetio ou achado do corpo do apóstolo Santiago o Maior” (p. 112).
“Ultrapasados os temores do ano mil e afrouxada a presión de viquingos e normandos, Galicia coñece unha estapa histórica de gran desenvolvemento, canda o resto dos países do Occidente Cristián. Melloras que se manifestan nunha diversidade de Eidos: no crecemento da poboación, na expansión da agricultura, na difusión do fenómeno urbano, do artesando e o comercio a longa distancia, na aparición dunha extarordinaria cultura literaria e artística e na creación, finalmente, dunhas rudimentarias estructuras administrativas e políticas ao redor das monarquías feudais” (p. 127).
“A aparición de Portugal como reino independente, a partir do século XII, atranca a expansión galega cara ao sur” (p. 128).
“Outros fenónemos culturais, como o Camiño de Santiago, a literatura en romance galaico-portugués ou a arte románica acadan nestes séculos de apoxeo feudal unha dimensión universal polo requintado das súas manifestacións e o prolongado influxo que exerceron (p. 129).
“A figura é a do arcebispo Diego Xelmírez, quen afortalou a posición da sé compostelá coa dignidade arcebispal” (p. 129).
“A expansión do mundo agrario e o renacemento da vida urbana provocaron cambios nas relacións socias e no reparto da riqueza que non aproveitaron a todos por igual” (p. 139).
“O foro, que tanta duración terá na historia de Galicia, nace a finais do século XII, e ten, desde os seus principios, unhas características ben demarcadas: conleva unha longa duración (cando non é perpetuo) e estipula o pago dunha renda (ben fixa, ben proporcional, pero case sempre en especie), amais dunha serie de servizos de tipo vasallático” (p. 14).
“A nobreza laica experimenta unha decadencia pola incapacidade para organizar casas e liñaxes, son cada vez máis importantes os nobres eclesiásticos: os máis importantes foron os mosteiros cistercienses” (p. 145).
“No reino de Galicia, despois da morte de Raimundo de Borgoña no ano 1107, ten lugar unha fonda crise política na que participa activamente a nobreza galega, tanto laica como eclesiástica, liderada polo conde de Traba e polo bispo Xelmírez. Unha fracción desta nobreza alíase con Dona Urraca e átase ao carro da idea imperial leonesa (Portela-Pallares), mentres que outro grupo nobiliar, herdeiro da tradición de revoltas antimonárquicas pretende defender os dereitos de Afonso Raimúndez, fillo de Dona Urraca e marxinado do trono leonés. Afonso Raimúndez foi proclamado rei de Galicia en 1109, polo seu tío, o conde de Traba, e dous anos máis tarde, un domingo de setembro do 1111, Xelmírez consagrouno como tal na catedral compostelá” (p. 149)
“En 1126 Afonso Raimúndez ten a posibilidade de reinar en Castela e León, converténdose en Afonso VIII, chamado Imperator totius Hispaniae a partir do ano 1135. Foi, de certo, o último rei de Galicia, pero tamén o que integrou unha monarquía leonesa a aquel sector da nobreza galega tan rebelde, que representaban os Trabas, e, ao tempo, inaugura a política de apoio á Igrexa, na súa variante cisterciense” (p. 150).
“O auxe adquirido polo Camiño de Santiago e a peregrinación ao sepulcro do Apóstolo, a expenasión experimentada pola cidade de Compostela e a política cultural levada a cabo por fituras como Diego Xelmírez son o marco histórico preciso no que aparecen obras como o Códice calixtino ou a Historia compostelá, e florecen mestres como Mateo ou poetas como Joan Airas” (p. 154).
“A construcción de catedrais foi, talvez, a actividade más importante de todo este período histórico” (p. 155).
“As derradeiras centurias da Idade Media son de crise e mutacións e a crise baixomedieval amósase en Galicia con especial agudeza. Galicia vese reducida históricamente a un plano moi secundario no ámbito político” (p. 182).
“As guerras irmandiñas son a expresión máis requintada destas tensións que azoutan á sociedade galega do século XV, porque se trata de conflitos xeneralizados, nos que participan fundamentalmente nobres, clérigos de diferente rango e unha manchea de campesiños. A denominación de irmandiñas, ademais de se refereir aos modos coetáneos de realizarense as irmandades na Corona de Castela”.
“A Irmandade Fusquenlla formouse no ano 1431 en terras do señor Andrade, por mor da extremada dureza con que Nuño Freire de Andrade, o Mao, trata os seus valos” (p. 195).
“O protagonismo é da Baixa nobreza, en persoaxes como Pedro de Osorio, Alonso de Lanzós e Diego de Lemos: os inimigos dos irmadiños foron, principalmente, os nobres laicos, donos de castelos e fortalezas” (p. 197).
“O tránsito á Idade Moderna supón para Galicia, en primeira instancia, unha integración máis forte no seo da monarquía hispánica que fica claramente deseñada polas reformas propiciadas polos Reis Católicos nos dous derradeiros decenios do século XV” (p. 198).
“A morte de Pardo de Cela deixou expedito o camiño para que os Reis Católicos puidesen implantar en Galicia a súa política centralizadora e proceder á pacificación do territorio”.
Papel das mulleres
A monxa Exeria, Dona Urraca.