Resume da Historia de Galicia

1898

Florencio Vaamonde

“…os godos non dominaron Galicia de unha maneira direita nen consideraron o noso reino como parte integrante do d’eles, senon como ajeito e gobernado aparte con certa independencia”

Tal e como se indica ao comezo do texto, o obxectivo do Resume da historia de Galicia é ofrecer unha primeira síntese da historia de Galicia en galego: “sentíase en Galicia a necesidade de un libro, na nosa fala, que puidese levar á todos o coñecimento, inda que breve, dos sucesos que houbo no noso país” (p. 7). 

O contido da obra organízase en catro capítulos ou “libros”, precedidos dunha breve “dedicatoria”. A historia medieval de Galicia aparece recollida no “libro segundo” (pp. 19-44).  Esta sección constrúe un relato lineal ou cronolóxico sobre a evolución das entidades políticas que gobernaron o territorio galego durante a Idade Media. Así, a narración comeza pola formación do reino suevo e remata coas reformas institucionais do reinado dos Reis Católicos. En concreto, Vaamonde céntrase na descrición das relacións entre o “pobo galego” e as monarquías visigoda, asturiano-leonesa e castelá, sucesivamente.

Florencio Vaamonde Lores (Bergondo, 2 de abril de 1860-A Coruña, 20 de outubro de 1925) foi un historiador, tradutor e escritor galego. Identificado como un dos representantes do “Rexurdimento” cultural da segunda metade do século XIX, formou parte dos principais círculos galeguistas da súa época. Frecuentou dende 1893 o faladoiro literario da librería de Eugenio Carré Aldao na Coruña, onde traballaba como funcionario de Facenda. Grazas a estas relacións converteuse en redactor habitual da Revista Gallega, autoproclamada “órgano oficial de la Liga Gallega en la Coruña”. Xa no século XX, foi un dos fundadores da Academia Gallega, de Solidaridad Gallega e das Irmandades da Fala.

Nestas coordenadas intelectuais, a obra de Vaamonde abrangue xéneros e intereses diversos. En verso publicou a epopea Os calaicos (1894) e os poemarios Mágoas (1901) e Follas ao vento (1919), ademais dos poemas “Fernando de Xinzo” (1908) e “A sombra de Fandiño” (1908). Tamén foi autor de dúas novelas costumistas, tituladas Bestas bravas (1923) e Angélica (1925). Por último, escribiu varios traballos de historia, xeografía, literatura e outras temáticas. Entre eles destacan os Apuntes para la historia de la agricultura en Galicia (1910) e, sobre todo, este Resume da historia de Galicia.

Existen dúas edicións do Resume da historia de Galicia. Son as seguintes:

  1. Florencio Vaamonde, Resume da historia de Galicia, A Coruña: Emprenta e Libreiría de Carré, 1898.
  2. Florencio Vaamonde, Resume da historia de Galicia, Santiago de Compostela: Edicións do Cerne, 2011 (reprodución facsimilar da edición orixinal).

No seu Resume da historia de Galicia, Vaamonde escribe a historia medieval de Galicia dende unha perspectiva historicista, con especial atención á súa dimensión política.

Os contidos medievais do Resume da historia de Galicia de Vaamonde non referencian ningunha das fontes directas ou bibliográficas empregadas.

No Resume da historia de Galicia, a historia medieval de Galicia intégrase nun discurso rexionalista acerca da loita dos galegos pola súa autonomía política. Tras a caída da monarquía sueva, “a primeira de Oucidente” (p. 19), Vaamonde describe do seguinte xeito a “resistencia” da poboación galega fronte aos avances dos godos e dos musulmáns: 

“os godos non dominaron Galicia de unha maneira direita nen consideraron o noso reino como parte integrante do d’eles, senon como ajeito e gobernado aparte con certa independencia; pero nen esto soportaban os gallegos, tanto que houbo algunhas revoltas para sacudil-o seu jugo […]. Mais o poder dos godos tocaba ao seu fin. Os árabes cobizaban Hespaña, entran nela, ganan a batalla de Jerés ou Guadalete onde desaparece o rei Rodrigo e esténdense pol-a península invadindo tamen á Galicia; pero os gallegos erguense coma un sô home, e botan fora do pais aquela gente” (p. 23). 

A obra tamén describe brevemente varios proxectos de “restauración” do reino de Galicia, entre os que atopan os de Witiza (p. 23), Vimara (p. 24), Ordoño II (p. 25) e García II (p. 30).

O relato historiográfico de Vaamonde continúa coa narración das “revoltas sociais” antinobiliarias da baixa Idade Media e, en particular, da “guerra das irmandades”, que se define como “a primeira tentativa do común do país contra o poder da nobreza; […] aquel sanque derramado pol-o pobo que combatía pol-as suas libertades non foi estéreo” (p. 39). Máis tarde, o personaxe de Pardo de Cela continúa o camiño de emancipación iniciado polos irmandiños: “Os nobres desunidos e sen forzas nen vigor, e coa enganifa de mercedes foronse sometendo ao poder real. Só Pardo de Cela quedou batallando contra das tropas de Castela e sostuvo unha guerra de potencia á potencia por espacio de tres anos, hastra que a traición levou a sua cabeza âs maos do verdugo” (p. 43). 

Finalmente, segundo Vaamonde, as reformas dos Reis Católicos logran “ganal-as simpatías do pobo que, cansado de tantas turbaciós e desejoso de acougo, non se decata da tendencia unificadora do centro que o priva da autonomía, rebaixa a sua personalidade e debilita o seu organismo” (p. 44).

Os contidos medievais do Resume da historia de Galicia de Vaamonde inclúen referencias a algunhas aristócratas da época, como Teresa Ansúrez (“Doña Tereixa”), Elvira Ramírez (“Doña Elvira”), Urraca I de León (“Doña Urraca”) e Sancha de Castela (“Doña Sancha”). Porén, a representación destas mulleres limítase á descrición da súa participación nas intrigas políticas cortesás.