Historia sintética de Galicia

1927

Ramón Vilar Ponte

“Da eisistencia indiscutible dos movimientos rebeldes do pobo galego contra dos suevos se atopan abundosos testemonios de valor”

A Historia sintética de Galicia, como o seu propio título indica, é un relato resumido da historia de Galicia, fundamentado tanto en historiadores galegos, como Manuel Murguía e Antonio López Ferreiro, e casteláns, como é o caso de Juan de Mariana, ao que se cita con frecuencia. A obra é unha historia fundamentalmente política, na que se narran os principais feitos acaecidos en territorio galego, especialmente aqueles referidos a rebelións de nobres contra os monarcas, que se interpretan como unha manifestación do Reino de Galicia.

A estructura da historia medieval de Galicia presentada na obra pódese establecer en 4 grandes núcleos:

1)O período suevo, (caps. I- VII)

2) O Reino de Galicia ata Don García (caps. X-XV)

3)Galicia e Castela (caps. XVI-XVII)

4)Galicia na Baixa Idade Media (caps. XVIII-XXII)

Ramón Vilar Ponte (1890-1953) foi un importante ensaísta dentro do movemento galeguista na primeira metade do século XX. Irmán de Antón Vilar Ponte, contribuiu a crear as Irmandades da Fala, especialmente en Ferrol, e participou noutros proxectos como o Seminario de Estudos Galegos. En 1951 ingresou na Real Academia Galega.

A súa obra está vinculada ao movemento galeguista da época, con textos como Doutrina nazonalista (1921) ou a propia Historia sintética de Galicia (1927).

Historia política.

Directas: Idacio, San Isidoro.

Indirectas: Manuel Murguía, Juan de Mariana.

Segundo Ramón Vilar Ponte, un rasgo central da monarquía sueva, sería o carácter “rebelde” do “pobo galego”:

“Pol-o doadamente que, asegún se deduce da lectura de testos fidedignos, os galegos s’erguían en rebelión pódese tere case por seguro que a sua situación baioxo o poder suevo se acaba moi lonxe de sere aquila situación de sumisión e vasallaxe á que iven reducidos pol-o xeneral, todol-os pobos que un poder alleo asoballa. Da eisistencia indiscutible dos movimientos rebeldes do pobo galego contra dos suevos se atopan abundosos testemonios de valor, figuradndo entre eles os moi autorizados de Idacio e San Isidoro” (p. 44).

A conversión dos suevos ao catolicismo sería central na asimilación entre suevos e “galegos”. Destácase neste senso o Concilio Bracarense:

“No reinado de Teodomiro tivo lugar en Braga e por iniciativa de San Martín Dumiense, a xuntanza de bispos galegos, que se coñece co nome de Concilio Bracarense. A celebración de iste Concilio proba que o catolicismo iba afincándose nas terras qu’estonces constituían a Galicia” (p. 69)

De todos os xeitos, esta asimilación sería limitada: “Con sere longa a estada dos suevos na Galicia se pode decire que a xuntanza, a compenetración estreita entre eles e os galegos, non foi endexamáis verdadeira nen moítisimo menos” (p.74)

Segundo Ramón Vilar Ponte existiría durante a época visigoda unha certa “autonomía”:

“Parece sere que a terra galega, inda que xunguida ó poder visigodo, consigueu manterse n-un certo réxime autonómico que os novos domiñadores s’esforzarían en respetaren co fin de evitare posibeis rebeldías e movimentos arredistas. De tal xeito o fan coidare a mayoría dos historiadores que se ocuparen do caso, coindidindo tods en daren por eisistente na terra galega o citado réximen de autonomía” (pp. 75-76).

Existiría unha importante resistencia en Galicia á invasión árabe:

“A resistencia oposta ós invasores na Galicia foi varia. Antramentras que unas cibdades se opuxeron rexamente á sumisión, como o proba o feito da sua ruiña total dimpois do paso dos africáns -taes os casos de Ourense e Tui- outras, en troques, cederon doadamente e até n ocasións sen resistencia, abranguendo eisí á se ollaren ceibes da ruiña á que os vencedores condenaban á todal-as cibdades que se lles resistían” (pp. 78-79).

A idea de que os “galegos” serían un pobo rebelde continúa durante o período asturiano:

“Mais importante ainda que o sonado suceso constituido por tal victoria foi a rebelión dos galegos contra do xugo asturián ocurrida n-iste tempo. O escomezo da mesma parce sere que foi cando o monarca Fruela se acaba fora do territorio galego, ocupado na loita contra dos mouros. Como causa xermoladora do movimento rebelde se asiñalan as fortes arelas d’emancipación e vida ceibe que o pobo galego sentía, como ben craramente o amostrara xa diferentes vegadas” (p.84.)

O descubrimento da tumba do Apóstolo e o inicio das peregrinacións sería un suceso central na Historia de Galicia:

“(…) o acontecimiento da descuberta dos restos sagros asiñala na Historia da Galicia un momento decisivo. Iste momento é aquel en que o pobo galego, confortado pol-o magno suceso e coidándose como investido por unha eistraordinaria e sobrenatural predilección -xa que un anaco do chan galego viña sendo esceario axeitado de feitos abraiantes e ateigados de misterio – volta os ollos a sí mesmo, dispóndose á desempeñare o papel que lle correspondía pol-o seu carácter de pobo elexido” (p.93)

Segundo R. Vilar Ponte, Alfonso II non mostraría unha especial devoción polas reliquias do apóstolo debido as súas orixes asturianas:

“A eispricación da conducta seguida na ocasión devandita por Alfonso II moi ben poidera sere ista: asturían denantes que nada, o Alfonso se decatou do perigo que os feitos ocurridos n aterra galega poderían supor moi axiña, cando por eles ou por consecuencia d’eles se iniciara o erguemento da sede compostelán en pirmeiro lugar e dimpois o de toda a nación galega, para calquera clas de hexemonías e, pol-o mesmo, pr’a que Asturias viña exercendo sen motivo algún” (p. 95).

A importancia de Diego Xelmírez en Galicia:

“Destacaba entonces como o principal home do Estado galego o bispo compostelán D. Diego Gelmírez, que pol a súa ergueita autoridade e talento, o seu carácter sacerdotal e o seu ben afincado prestixio era como un verdadeiro e indiscutibel gobernador da Galicia” (p. 130).

Fernando III incorpora Galicia ao “Estado castelán”:

“(…) a procramación do monarca de Castela, Frenando III, como rei galego (…), valía tanto como decrararse pol-a xuntanza e incorporación de Galicia ó Estado castelán en perxuicio da propia i efectiva soberanía e liberdade” (p. 164).

Unha visión positiva de Alfonso X:

“Cando Fernando III morreu, feito ocurrido no ano 1252, a Galicia axuntada ainda ó Estado castelán pasa á sere gobernada por Alfonso X fillo do monarca finado e figura de gran intrés e releve para os galegos pol-a decidida incrinación que decote amostrou á eles e de cuio fito algún quixeron tiraren a concrusión de que foi nado na Galicia, concruxion que ninguna proba veraz nen termiñante confirma” (p. 165)

A importancia dos irmandiños:

“O movimento irmandino, eispontánea e necesariamente xurdido como resposta ós xa isoportábeis abusos dos siñores, é un movimento merescedor de proseó para de todol-os movimentos populares, xustos e reivindicadores, que na Europa se asiñalan, pol-a súa trascendencia e pol-a súa exempraridade” (p. 193).

Dona Urraca como figura voluble e maquiavélica:

“O carácter volubel e doadamente tornadizo de Doña Urraca, eisí como os feitos que por él adoitan á se orixinaren, ocasionaron discordias, alteiracións e intrigas sen ocnto que, anque fallas de vlaor capital, non por iso deixaron de produciren no país o natural desacougo” (p. 135)

“A raposeiría aludida consisteu en nomeare á Gelmírez Gobernador da Galicia pr’antramentras qu’ela tivese que permaneceré ausente. Con iste maquiavélico nomeamento Doña Urraca perseguía que xurdiran a envexa e o rencor nos siñores -o conde de Traba antre eles- que co Prelado compostelán defendían o mesmo punto de vista na custión da coroa galega, nascendo por tanto o disgusto e a división entre uns e outros e, por consecuencia, o esmorecimiento do partido de Alfonso Reimúndez como soberán galego (…)” (pp. 137-138)

Maricastaña lidera unha revolta en Lugo:

“N-ista xeira aínda se rexistrou en Lugo unha revolta importante contra o poder temporal ecresiástico e que n-aquela ocasión exercía o bispo Frai Pedro López de Aguiar, soando entonces o nome de unha muller moi celebrada -a tan coñecida Maricastaña- que din que figuraba co seu marido e fillos como testa de motín.

Fracasado iste non tardaron en se arrepintiren os cabezoleiros d’él, faguendo á catedral lucense, e como reparación, algunas donacións” (p. 179)