O cómic leva a cabo un repaso da Historia de Galiza dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea. A obra está dividida nunha serie de apartados cronolóxicos comezados cun prefacio e unha guía de lectura lingüística e rematados cunha cronoloxía histórica básica dos acontecementos. Estes apartados son dez:
– História de Galiza
– Pré-história
– A Cultura dos Trebas
– O Reino Suevo de Galiza
– Os Musulmanos
– Alta Idade Media
– Baixa Idade Media
– Idade Moderna
– Idade Contemporánea
O relato da historieta está relacionado nas súas viñetas con formas de expresión e lingüísticas actuais, con utilización de ironías e en clave de humor, o que fai que o seu desenvolvemento sexa rápido e ameno. Outro rasgo importante desta historieta é que non referencia de forma exacta os acontecementos que se contan, sendo poucas as ocasións onde sabemos certamente de que ano se nos está a falar, o que fai que todas as referencias queden desconectadas do contexto histórico.
O Reino medieval de Galicia comeza no apartado “O Reino Suevo de Galiza”, debido ao reparto do territorio entre este pobo e os romanos no século V. Así, os suevos quedan coa parte occidental ata o Douro, mentres que Lugo segue pertencendo á zona romanizada. Será un momento de enfrontamentos cos visigodos ata o reinado do monarca suevo Agiulfo, quen declara o reino suevo de Galicia no 456. O límite a esta estabilidade márcao, segundo o cómic, a incorporación ao reino visigodo, do que será dependente o reino de Galicia ata a invasión musulmá no século VIII.
No seguinte apartado, “Os Musulmanos”, preséntase a Galicia como un foco de resitencia grazas á súa particular forma do terreo salvo na parte sur. Como contrapeso a este poder na Península, no cómic é representado a aparición do reino astur, coa consecuente dependencia do reino de Galicia.
Os séculos XI e XII están marcados polo reparto do rei Fernando I dos seus territorios entre os seus fillos, deixando a don García o reino de Galicia, a Sancho o de Castela e a Afonso IV o de León. Isto provocará a crise entre os mesmos e a reclusión de don García no Castelo de Luna, sendo Afonso IV rei de Galicia co acatamento dos nobres e eclesiásticos galegos. Preséntase como un momento de inestabilidade, onde o reino de Galicia deixará de ser independente. A súa zona norte será un condado entregado á súa filla Urraca, separado da zona sur gobernada pola súa outra filla, Tareixa. É salientábel a tensión da nobreza galega, encabezada por Pedro Froilaz, contra Urraca, e a súa pretensión dun reino de Galicia independente gobernado polo fillo desta, Afonso Raimúndez. Pola súa parte, o condado de Portugal será recoñecido como reino independente a partires de 1128 con Afonso Enriques. Nos primeiros momentos da Baixa Idade Media é relevante no cómic a figura do Adiantado Maior do Reino utilizada por Sancho IV, ocupada por Fernando Rodríguez de Castro. Preséntase coa aspiración de conseguir un reino independiente para Galicia e cuxa pugna enfróntao ao infante don Pedro pola titularidade do Condado de Trastámara, sendo gañador o segundo e aspirante ao trono de Castela. Este, coroado como Pedro I de Castela e apoiado pola nobreza galega, foi derrotado por Enrique de Trastámara na primeira guerra civil castelá, o que provocará a perda de control do territorio por parte da nobreza galega. Toda esta situación culminará en 1431 coa Revolución Irmandiña contra a chegada de novas casas nobiliares á Galicia, continuando ditas revoltas ata 1469.
A última parte do cómic sobre este período está centrada na loita pola coroa castelá despois da morte de Enrique IV entre Isabel a Católica e Xoana. A derrota da segunda terá consecuencias para Galicia coa centralización do poder na figura de Isabel I de Castela.
Autor
Historia da Galiza em banda desenhada é una historieta editada pola Associaçom da Língua ARTÁBRIA en 1995. Esta asociación contou con varias publicacións ao longo do tempo, como son:
– História da Língua em banda desenhada, 1992
– Historia da Galiza em banda desenhada, 1995
– Manual de Iniciaçom à Lingua Galega, 1998
– Poemario “Gong”, 1999
– Conhecermos Carvalho Calero, 2000
– O saltom astronauta, 2006
A Associaçom Reintegracionista Artábria creouse en 1992 en Narón, converténdose posteriormente en Fundación en 1998. É unha entidade cultural dedicada á defensa da lingua galega e da unidade lingüística galego-portugesa. Foi declarada de Interese Galego e clasificada de interese cultural pola Xunta en 1998.
A Historia da Galiza em banda desenhada conta co guión de Maurício Castro Lopes e Gonçalo Grandal Crespo, sendo os deseños das ilustracións froito de Leandro Lamas. Editáronse uns 4.000 exemplares, contando coa colaboración doutras entidades culturais e reintegracionistas como A Gente da Barreira, A.C.X. Frente Comixário, Asociación Cultural Auriense, Grupo Meendinho, Assembleia Reintegracionista Bonaval, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, Associaçom Reintegracionista Aquém-
Douro, Associaçom Cultural Vª Irmandade, Associaçom Galega da Lingua (AGAL), Renovaçao (Ambaixada Galega da Cultura), así como a Associaçom Cultural Aloia de Cataluña e a Associaçom Civil de Amigos do Idioma Galego da Arxentina.
BIBLIOGRAFIA:
Fundaçom Artábria. Dispoñible en liña 10-VIII-2022 en http://agal-gz.org/blogues/index.php/artabria/2006/02/16/publicacons_artabras_on_line
“Fundaçom Artábria” en Wikipedia. Dispoñible en liña 10-VIII-2022 en
https://pt.wikipedia.org/wiki/Funda%C3%A7om_Art%C3%A1bria
“Maurício Castro Lopes” en Tebeosfera. Dispoñible en liña 13-VIII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/castro_mauricio.html
“Gonçalo Grandal Crespo” en Tebeosfera. Dispoñible en liña 13-VIII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/grandal_goncalo.html
“Leandro Lamas Hermida” en Tebeosfera. Dispoñible en liña 13-VIII-2022 en
https://www.tebeosfera.com/autores/lamas_hermida_leandro.html
Publicación
Associaçom da Língua Artabria.
Fontes
Esta historieta conta co asesoramento histórico de André Pena Granha, doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 1987 traballa no Concello de Narón como arqueólogo, historiador e arquiveiro municipal especializado no estudo da Terra de Trasancos e na cultura celta.
Concepción do Reino de Galicia
Os acontecementos comentados polo cómic sobre o reino suevo de Galicia son as relacións entre os suevos e a poboación galaica dende a súa chegada no século V e como as conquistas e os repartos de territorios marcan un momento de expansión sueva non só en Galicia senón na Península. Ocupa lugar nas viñetas tanto a proclamación do reino independente de Galicia por parte de Agiulfo no século VI como a problemática entre o arrianismo e o catolicismo, ata a proclamación polo bispo Teodomiro do reino suevo como católico ortodoxo. A última viñeta sobre o reino suevo de Galicia fala da dependencia do reino de Galicia do reino visigodo ata a invasión musulmana.
Dentro do apartado “Os Musulmanos” salienta o cómic o comezo e evolución da resistencia cristiá nos séculos VIII e IX, primeiro en Asturias e despois en León. Tamén é o momento do fortalecemento da nobreza galega, das invasións normandas e do nacemento das linguas vernáculas, coa aparición do galego entre outras.
A parte “Alta Idade Média” é tratada na historieta durante o século X como un momento de evolución das estruturas sociopolíticas herdadas do período romano, cuxa complicación vai facendo posible a aparición dunha estrutura económica e social como é o feudalismo.
Os séculos XI e XII estiveron marcados polo reparto xa mencionado de Fernando I de León e a posterior ruptura do territorio de Galicia en dúas metades. O descontento dunha parte da nobreza co casamento de dona Urraca e Afonso de Aragón fai que se intente proclamar un reino de Galicia independente, sendo o rei o fillo desta, Afonso Raimúndez. Asemade, Portugal co mandato de Afonso Enriques, irá converténdose durante o século XII nun reino independente. Desta forma, o reino de Galicia sufrirá un momento de cambios nas súas fronteiras, xa que o reino de Portugal se fortalecerá, así como os territorios do leste quedarán dependentes do bispado de Oviedo no século XII, marcando o límite o río Eo.
O século XII está marcado pola aparición dos coutos xurisdicionais dos mosteiros impulsados pola orde do Císter e a monarquía castelá. Con eles conseguiron a acumulación de bens por parte da Igrexa, que xunto coa dependencia das aldeas rurais dun foco relixioso, propiciou o nacemento das parroquias.
A “Baixa Idade Média” preséntase na historia como un período de cambio na sociedade motivado pola urbanización e a aparición de cidades, así como das novas xerarquías económicas e sociais gobernadas polos condados. É un momento de esplendor cultural
en Galicia, reflectido na arte románica e na lírica galego portuguesa .
A primeira guerra civil entre Pedro I e Enrique de Trastámara tivo como consecuencia tanto o cambio na nobreza, coa chegada de casas castelás ao territorio de Galicia, como a perda do uso do galego polas capas altas da sociedade. Esta tensión cada vez máis frecuente terá como resultado as Revoltas Irmandiñas do século XV.
Finalmente, o período medieval comentado no cómic remata coa guerra entre Isabel I de Castela e Xoana a Beltranexa, coa conseguinte dependencia total de Galicia por parte de nobres casteláns. A última viñeta é a execución de Pedro Pardo de Cela como último referente contra o expansionismo dos Reis Católicos.
Personaxes
Reinado de Agiulfo
Bispo Martiño de Braga
Afonso II o Casto
Ordoño II
O reparto de Fernando I
Urraca e Afonso de Aragón
Pedro I e Enrique de Trastámara
Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa