A Guía de Galicia de Rivera e Vázquez é a primeira guía de Galicia da que se ten noticia. Segundo se indica no seu subtítulo, a obra inclúe “itinerarios, descripciones, historia, estadística, costumbres, monumentos, industria, comercio, balnearios, escursiones, viaje de Madrid á Galicia, de Galicia á Burdeos, Londres y Southampton, á las repúblicas del sur de América, á Filipinas y a Cuba”. Tras unhas breves “Notas geográficas”, a primeira parte do libro recolle unha “Reseña histórica” de corenta e oito páxinas (pp. 53-101), que reconstrúe en quince epígrafes a historia de Galicia dende a Antigüidade ata o século XIX. Os contidos medievais abarcan os epígrafes IX-XIII (pp. 77-95). Cada un destes últimos relata un período ou episodio concretos da Idade Media galega. Entre os máis destacados atópanse a formación do reino suevo, a “Reconquista”, os conflitos derivados do enfrontamento entre Pedro I de Castela e Enrique de Trastámara e as revoltas irmandiñas.
Autor
A autoría da Guía de Galicia corresponde a dous políticos e escritores vinculados ao republicanismo galego de finais do século XIX. Cesáreo Rivera Abraldes (Ribadavia, s.d.-Pontevedra, 1910), licenciado en Dereito pola Universidad Central de Madrid, ingresou no Partido Republicano Federal en 1868. Como militante deste partido, formou parte da comitiva ourensá que asinou o pacto republicano federal galaico-ástur na Coruña o 18 de xullo de 1869. Entre 1868 e 1882 exerceu intermitentemente como alcalde de Ribadavia en sete ocasións. Alí fundou a loxa masónica “Luz de Avia”, que estivo activa dende 1871 ata 1876. Finalmente, no ano 1873 foi elixido como deputado ás Cortes Constituíntes de Madrid. Ademais desta Guía de Galicia, a súa obra intelectual inclúe diversas editoriais en semanarios republicanos como El intransigente.
Pola súa banda, Víctor María Vázquez Rodríguez (Vigo, 1856-Madrid, 1884) desenvolveuse profesionalmente como xornalista e compositor de piano. Tras finalizar a carreira de Farmacia en Madrid, incorporouse como redactor ao periódico progresista El porvenir. Máis tarde colaborou na revista La ilustración gallega y asturiana, co-dirixida por Manuel Murguía e José Fernández Cuevas. Chegou a ser nomeado secretario do Comité Republicano-Progresista Central. Á marxe do traballo periodístico, a súa única publicación foi a Guía de Galicia, aínda que tamén escribiu varios poemas en galego.
Edicións
Existe unha única edición da Guía de Galicia de Rivera e Vázquez. É a seguinte: Cesáreo Rivera e Víctor M. Vázquez, Guía de Galicia, Madrid: Imprenta de Fortanet, 1883.
Perspectiva historiográfica
Na súa Guía de Galicia, Rivera e Vázquez escriben a historia medieval de Galicia dende unha perspectiva historicista, con especial atención á súa dimensión política.
Fontes
Os contidos medievais da Guía de Galicia de Rivera e Vázquez non referencian ningunha das fontes directas ou bibliográficas empregadas.
Concepción do reino de Galicia
Na súa Guía de Galicia, Rivera e Vázquez describen á Galicia medieval como un dos “países” ou “regiones” que conforman a monarquía española. Neste sentido, a principal estratexia intelectual do libro consiste en integrar a personaxes galegos nalgúns dos relatos construídos e transmitidos polas historias de España. É o caso, por exemplo, da “resistencia” cristiá fronte aos musulmáns: “los musulmanes llamaban al Cid, perro de Galicia, frase que revela, en cierto modo, la fiereza y el valor que los árabes reconocían en las huestes gallegas” (p. 82). Segue esta mesma liña a representación das “explosiones de la indignación popular” do século XV, protagonizadas por Pardo de Cela: “Los resplandores del incendio de los enhiestos nidos feudales alumbran la llanura y son los primeros destellos de las libertades españolas. (…) La figura más interesante de estas contiendas es la del noble mariscal Pedro Pardo de Cela, (…) cuya personalidad es la más simpática de la Historia de Galicia y cuya alteza no cede en nada á la de sus dignos émulos Juan de Lanuza y Juan de Padilla” (p. 94).
Non obstante, o proxecto historiográfico da Guía de Galicia complétase cun discurso rexionalista propio de finais do século XIX. Segundo Rivera e Vázquez, Galicia mantivo durante a Idade Media unha certa “independencia (…) por su grandeza y poderío” (p. 94). Para demostrar esta afirmación, explícase que “el Papa Juan VIII llamaba á D. Alfonso, Rey de las Galicias; Fernando I nombraba rey de Galicia á su hijo D. García; Alfonso VI concedía en dote, como el mejor florón de la corona, á su heredera Doña Urraca el condado de Galicia; los nobles gallegos proclamaban rey de León, de Castilla y de Galicia á D. Alfonso VII, imponiendo su voluntad al resto de España (…); y finalmente el Fuerojuzgo cita textualmente á los pueblos de España, Galicia y Francia, (…) revelándonos la categoría que en aquella época alcanzó este país” (p. 85). Xa a finais do período medieval, o libro defende que as políticas dos Reis Católicos arrebataron aos galegos “el sello de su nacionalidad conservado a través de tantos siglos” (p. 94), iniciando así “la decadencia material de Galicia” (p. 95).
Papel das mulleres
Os contidos medievais da Guía de Galicia de Rivera e Vázquez inclúen referencias a algunhas aristócratas da época, como Urraca I de León (“Doña Urraca”), Teresa Alfónsez de León (“Doña Teresa”) e Inés de Castro (“Doña Inés”). Porén, a representación destas mulleres limítase á descrición da súa participación nas intrigas políticas cortesás.