Da Galicia Antiga á Galicia feudal // De Xelmírez aos Irmandiños

2007

Mª del Carmen Pallares Méndez e Ermelindo Portela Silva

“A invención, no primeiro terzo do século IX, da tumba de Santiago é un feito extraordinario na historia de Galicia”

Os catro tomos da obra describen e analizan a conformación da Galicia medieval e o seu Reino. Por un lado do territorio, a súa organización interior e as súas fronteiras así como da crise. Tamén as relacións familiares e a presencia das mulleres na Galicia medieval. Tamén trata a historia social en relación a conflictos e estructura social en relación á actividade económica. A cultura tamén forma parte desta historia do Reino de Galicia, así como o reino de don García o a importancia de Xelmírez.

“A razón primeira pola que se ha de considerar o século VIII como o limiar dunha nova etapa histórica atende ás fontes, aos materiais con que a historia é elaborada. Dende ese tempo, e a partir de entón con regularidade e en cantidades crecentes, os documentos da práctica xurídica (…) iluminan aspectos da vida social sobre os que ata entón nada ou moi pouco podía dicirse” (p. 11 Tomo IV, Vol. 1).

“(…) os historiadores reescriben constantemente a historiaen razón dos diferentes puntos de vista que adoptan e das cambiantes preguntas que dirixen ao pasado” (p. 12 Tomo IV, Vol. 1).

“(…) desvinculada dende entón da desaparecida monarquía hispanovisigoda e non integrada na nova estrutura política que se rexerá dende Córdoba, Galicia desempeña un papel transcendental na creación e consolidación dos reinos hispanocristiáns do norte peninsular, especialmente do reino de Oviedo e logo do reino de León. Dende esa singular posición, Galicia achega algunhas claves fundamentais para entender a transición entre a sociedade tardoantiga e a plenitude feudal no ámbito hispánico” (p. 12 Tomo IV, Vol. 1).

Ermelindo Portela Silva naceu na Guarda o 19 de marzo de 1947. Licenciado en Filosofía e Letras (1970) e doutor en Historia (1975). Foi bolseiro de investigación do Ministerio de Educación e Ciencia (1971-1974) e da Fundación Juan March (1977-1978). Foi profesor adxunto de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela (1970-78) e profesor adxunto de Historia Medieval Universal e de España da Universidade de Estremadura (1981-1982). Foi catedrático de Historia Medieval da USC dende 1982 ata o 2020. As súas investigación centráronse na historia social e política dos séculos VIII ao XII no Reino leonés.

María del Carmen Pallares Méndez (Agolada, 7 de febrero de 1948) é historiadora e a primeira muller catedrática de Historia Medieval en España. As súas liñas de investigación máis importantes atenderon á perspectiva da historia social, o mundo monástico, a historia do poder e a historia das mulleres. Licenciada con Grado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura en 1970. A súa tese de doctorado (1977), dedicada ao estudo do dominio do monasterio de Sobrado, mereceu figurar na selectiva sección “Le choix des Annales” (pages bleues) da revista Annales, ESC en 1979 (novembro-decembro), xunto, nese mesmo número, aos investigadores en humanidades e ciencias sociais máis importantes do mundo.

Foi Profesora Axudante, Profesora Adxunta e catedrática Interina de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela entre 1970 e 1984. Profesora Titular Numeraria de Historia Medieval de 1984 a 1997 data na que logrou unha cátedra de Historia Medieval na mesma universidade e que exerceu ata o ano 2017.

María del Carmen Pallares e Ermelindo Portela foron investigadores principais e investigadores en proxectos financiados polo ministerio de Cultura, o Consello da Cultura Galega e pola Dirección General de Investigación Científica y Técnica del Ministerio de Educación y Ciencia, estes últimos desde 1991 e desenvolvidos en colaboración coas universidades de Oviedo, Salamanca e País Vasco.

Algunhas obras:

María del Carmen Pallares e Ermelindo Portela, El Bajo Valle del Miño en los siglos XII y XIII. Economía agraria y estructura y estructura social, Santiago de Compostela, Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Santiago de Compostela, 1971

María del Carmen Pallares, El monasterio de Sobrado: un ejemplo del protagonismo monástico en la Galicia medieval, A Coruña, Publicaciones de la Diputación Provincial de La Coruña, 1979.

Ermelindo Portela Silva, La colonización cisterciense en Galicia : (1142-1250), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1981.

María del Carmen Pallares e Ermelindo Portela, Galicia en la época Medieval, A Coruña, Hércules Ediciones, 1991.

María del Carmen Pallares, A vida das mulleres na Galicia medieval (1100-1500), Santiago de Compostela, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Santiago de Compostela, 1993.

María del Carmen Pallares e Ermelindo Portela, De Galicia en la Edad Media, Sociedad, Espacio y Poder, Santiago de Compostela, Grafinova, 1993 (en colab. con E. Portela).

María del Carmen Pallares, Ilduara, una aristócrata del siglo X, Sada, Ed. O Castro, Seminario de Estudios Galegos, 1998.

Ermelindo Portela Silva, García II de Galicia, el rey y el reino (1065-1090), Burgos, La Olmeda, 2001.

María del Carmen Pallares, Ermelindo Portela e Xosé M. Sánchez, Rocha Forte, el castillo y su historia, Galicia, Xunta de Galicia, Conselleria de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección General de Patrimonio Cultural, 2004.

María del Carmen Pallares y Ermelindo Portela, La Reina Urraca, San Sebastián, Editorial Nerea, 2006.

María del Carmen Pallares, Historia das mulleres en Galicia. Idade Media, Santiago de Compostela, Nigratrea, 2011.

Ermelindo Portela Silva y Gerardo Pereira Menaut (dir.), El territorio en la historia de Galicia: organización y control, siglos I-XXI, Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2015

Ermelindo Portela Silva, Diego Gelmírez (c. 1065-1140): el báculo y la ballesta, Madrid, Marcial Pons Historia, 2016

Ermelindo Portela Silva, Francisco Javier Fernández Condey José María Mínguez Fernández, El reino de Hispania (siglos VIII-XII): Teoría y prácticas del poder, Madrid, Akal, 2019.

Máis información:

https://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?codigo=3316137

https://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?codigo=27683

A Coruña, La Voz de Galicia.

Nova historia social e política, historia das mulleres e do xénero.

Fontes de archivo, cronística da época e bibliografía.

“A comezos do século VIII, Galicia era unha realidade social e política que contaba xa con moi longa tradición. A creación e a evolución da provincia romana de Gallaecia significaban por unha banda, o recoñecemento polos administradores do imperio dun espazo diferenciado no noroeste de Hispania; e establecían, por outra, un indubidable punto de partida cara ao futuro. Sobre a creación e as adaptación desa base romana, xurdiu, no tempo en que deixou de existe un goberno unificado para o conxunto do imperio occidental, a monarquía dos suevos” (p.15, Tomo IV, Vol. 1).

“Dende comezos do século V, o territorio de Galicia (…) adquiría os perfís con que se ía manter ata o século XII” (p. 16, Tomo IV, Vol. 1).

“Os 176 anos que durou o reino dos suevos, ata que Leovixildo o incorporou ao domnio dos visigodos en 585, continuou afirmándose a identidade territorial, social e política de Gallaecia. Non desapareceu esa singularidade no tempo da dominación hispanovisigoda” (p. 16, Tomo IV, Vol. 1).

“Durante un tempo que non excedeu as catro décadas, estiveron asentados en Galicia, seguramente na súa parte meridional, é decir entre os vales do Douro e o Miño, grupos de bérberes. Despois, os musulmáns desinteresáronse definitivamente da instalación permanente nun territorio cuxas condicións naturais eran sensiblemente diferentes das dos seus lugares de procedencia” (p. 21, Tomo IV, Vol. 1).

“Entre mediados do século VIII e mediados do século IX, Galicia estivo sometida á constante presión militar dos musulmáns” (p. 25, Tomo IV, Vol. 1)).

“A finais do século VIII ou comezos do seguinte, Galicia non era un territorio despoboado nin, dende o punto de vista social, desorganizado. Esta afirmación sostense, como dicimos, na análise dos documentos máis próximos ao tempo a que nos referimos” (p.49, Tomo IV, Vol. 1).

“A servidume altomedieval, ben testemuñada nos textos galegos da época, é unha prolongación da servidume antiga. En tanto á realidade social, estaba en regresión durante os séculos X, XI e XII, como testemuñan, por unha banda, a reducción progresiva do número de casos documentados e, por outra, a existencia de cartas de manumisión que expresamente deixan constancia da liberación de escravos” (p. 85, Tomo IV, Vol. 1).

“A servidume, diciamos, está en regresión. O grupo emerxente, o que realmente caracterizará a base do sistema feudal, é o campesiñado dependente, de condición xurídica libre, pero progresivamente apartado da propiedade da terra” (p. 84, Tomo IV, Vol. 1)

“Referímonos no capítulo anterior ao grupo de xentes de etnia céltica que, expulsados de Gran Bretaña e da Armónica polos xermanos, recalaron nas costas do norte de Galicia e deron lugar alí ao nacemento, probablemente a comezos do século VI, dunha específica e especial comunidade cristiá (…) Habémonos de ocupar agora dos normandos. Os homes do norte, expertos na navegación atlántica, tocaron por primeria vez as costas galegas nos anos centrais do século IX. Temos certeza das súas visitas para os anos 844 e 858” (p. 94, Tomo IV, Vol. 1).

“A villa, o marco fundamental da vida da sociedade neste tempo, non é un ámbito de contornos difusos, senón un espazo que se coñece con exactitude; podemos consideralo como a esencia do territorio” (p. 116, Tomo IV, Vol. 1).

“(…) deu lugar a unha rede ordenada pola dobre necesidade de comunicar, por unha banda, os distintos núcleos habitados da villa entre si e cos das villae veciñas e, por outra, de unir os espazos de habitación cos campos cultivados e as áreas de monte e bosque” (p. 122, Tomo IV, Vol. 1).

“A invención, no primeiro terzo do século IX, da tumba de Santiago é un feito extraordinario na historia de Galicia, de moi amplas repercusións, como veremos, en case todos os ámbitos da vida social” (173, Tomo IV, Vol. 1)

“Nos anos centrais do século XI, o bispo Cresconio entendeu, con bo criterio, que o burgo que rodeaba o lugar de Santiago debía ser protexido mellor (…) e fixo construir os muros e torres que deron lugar á cerca que, tal e como máis tarde a describe o Códice Calixtino, definiría a cidade de Compostela para o resto da Idade Media e cuxo trazado define aínda hoxe o centro histórico da cidade” (p. 182, Tomo IV, Vol. 1).

”Polo que concerne á caracterización social das mulleres mencionada na documentación galega, advírtese, nunha primeira presentación xeral dos datos e en contraste cos que se refieren aos homes, dous desequilibrios principais. Dun lado, a desproporción entre relixiosas e mulleres laicas, que non require máis explicación que a remisión a unha situación xeral ben coñecida: o número das mulleres dedicadas á vida relixiosa é moi inferior ao dos homes (…) Doutro, a distribución social dos rexistros, que revela unha maior proporción das mulleres campesiñas que das nobres, fronte ao que ocorre no caso dos varóns, onde os rexistros dos nobres superan aos dos campesiños” (pp. 194-95, Tomo IV, Vol. 1).

“Pese á forte desproporción das mencións -case 7,5 a 1 a favor dos homes-, os 1269 rexistros femininos de que podemos dispoñer constitúen unha mostra significativa que permite estudar non soamente o papel das mulleres na documentación, senón tamén coñecer a evolución do sistema antroponímico das mulleres, comparalo co dos homes e, en definitiva, contribuir con algúns puntos de referencia no camiño cara ao coñecemento da sociedade medieval galega dende o punto de vista da distinción de xénero” (p. 194, Tomo IV, Vol. 1).

“A propiedade territorial dos aristócratas aparece, ao longo da época que tratamos, como un conxunto dinámico, que, na súa constante transformación a causa da herdanza, as unións matrimoniais, as doazóns e as compravendas, reflicte, no seu constante facerse e desfacerse, a mobilidade que caracteriza o grupo aristocrático. Para a aristocracia altomedieval, o grupo factor esencial da súa conformación como clase dominante e, por outra, o único instrumento que, servíndolles de base aos grupos de parentesco, permite (…) a prolongación no tempo dos grupos nobiliarios” (p. 11, Tomo IV, Vol. 2)

“Na constitución do patrimonio en que se sostivo o grupo de filiación integrado por Gutier, Ilduara e os seus fillos, Ilduara desempeñou un papel non pequeno. Nese momento, a achega de Ilduara consistiu, ante todo, na parte que lle corresponde unha herdanza do grupo familiar ao que ela mesma pertencía” (p. 15, Tomo IV, Vol. 2).

“Dentro da villa, marco habitual da organización do territorio, Ilduara e a súa familia son propietarios de explotacións que se mesturan con outras pertencentes a propietarios distintos(…)” (p. 29, Tomo IV, Vol. 2).

“Páxinas atrás analizamos a fundación e construción dos mosteiros de Celanova e Sobrado. Agora ben, máis aló do espazo construido e da atracción que este exerce sobre os habitantes da contorna inmediata e sobre os que chegan de máis lonxe, a proxección territorial dos novos mosteiros deriva das funcións que dende moi cedo comezan a cumplir e que teñen que ver co peso social rápidamente adquirido na área de asentamento” (p. 33, Tomo IV, Vol. 2).

“Os documentos altomedievais dannos unha visión excesivamente parcial dos campesiños. Eles só son obxecto da atención dos escribáns da época cando se desprenden das súas terras en beneficio dos aristócratas laicos ou eclesiásticos” (p. 39, Tomo IV, Vol. 2).

“Subsumida na descripción do reino de Oviedo e logo de León, a valoración da achega galega ao primeiro dos conxuntos políticos hispanocristiáns xurdidos despois da conquista musulmá viuse lastrada, ademáis, tanto polas interpretacións do seu tempo como pola retroproxección de marxinalidades moi posteriores” (p. 57, Tomo IV, Vol. 2).

“Cando os árabes conquistaron Toledo, Galicia era unha provincia do reino dos godos; e antes fora unha provincia do imperio dos romanos; e, entre as dúas cousas, dera lugar á monarquía dos suevos. Non ten moito sentido pensar que, cando, no reinado de Alfonso II, unha parte de Galicia e, no reinado de Alfonso III, Galicia enteira pasou a formar parte do reino de Asturias, sen que durante os anos intermedios se producise dependencia significativa ningunha do seu territorio respecto ao imperio dos Omeia, esa longa tradición fose esquecida” (p. 59, Tomo IV, Vol. 2).

“Os reinados de Ordoño I (850-866) e Afonso III (866-910) definiron o novo espazo político en que quedaba integrada a totalidade de Gallaecia e, máis aló dos antiguos límites meridionais desta, crearon un espazo de proxección e influencia mantido durante todo o século X e, tras o retroceso da fronteira posterior ás campañas de Almanzor, recuperado no XI coa nova ocupación de Coímbra en tempos de Fernando I” (p. 75, Tomo IV, Vol. 2).

“E Galicia formou parte durante os séculos X e XI do reino de León, ben que, coas características e a peculiar posición nel que fan que, en determinados momentos e circunstancias, o territorio galego chege a ser gobernado por un rei propio, é dicir, alcance a condición de reino independente” (p. 89, Tomo IV, Vol. 2).

“Reinou García en Galicia dende o ano 1065 ata o ano 1071. A información que nos chegou verbo da súa persoa e da súa obra política pode describirse como un depósito de delgados sedimentos, nos cales, a medida que ascendemos e nos afastamos do tempo en que viviu, acumúlanse máis datos e aparentemente máis precisos; son, con todo, cada vez menos fiables” (p. 103, Tomo IV, Vol. 2).

“No tránsito do século XI ao século XII, Galicia redefínese, atopa o seu sitio na Hispania feudal. Nace, a partir de entón e non só dende o punto de vista da fixación de novas fronteiras, a Galicia actual. Antes, no tránsito do mundo antigo á Idade Media e durante o período altomedieval, existiu aínda Gallaecia, a provincia tardorromana onde instalaron o seu reino os suevos, que volveu ser provincia dentro da monarquí de Toledo e que desempeñou logo, no reino de Oviedo e no reino de León, un papel de primeira orde a trasmisión do legado da antigüidade ao mundo hispanocristián” (p. 3 Tomo V, Vol I).

“A parroquia e a aldea precísanse agora e aséntanse definitivamente como os marcos esenciais da vida campesiña, como o escenenario habitual da vida da maioría dos galegos” (p. 9 Tomo V, Vol I).

“Os séculos centrais da Idade Media son os da benditinización de Galicia, o tempo en que se pon en pé a Galicia monástica” (p. 10 Tomo V, Vol I).

“O nivel da relación de xénero, en primeiro lugar. A tradución cultural da diferenza entre homes e mulleres faise agora en función de categorías que tenden a acentuar a dependencia da muller (…) O segundo nivel de observación é o da relixiosidade. A partir das posicións solidamente establecidas polo impulso reformista, a Igrexa desenvolve un amplo programa de interpretación e control da vida social que comeza no matrimonio e, entre o bautismo e a unción dos enfermos, intervén en todas as fases da vida dos individuos (…)” ) (p. 12 Tomo V, Vol I).

“Dende comezos do século XII, Galicia, separada do condado portucalense e logo do reino de Portugal, será xa definitivamente a Galicia actual. O cambio ten que ver directamente coas características propias do exercicio do poder no feudalismo e é, polo tanto, un bo punto de partida para a nosa reflexión sobre a Galicia feudal” (p. 15 Tomo V, Vol I).

“Por máis que a magnitude do fenómeno sexa, en termos cuantitativos e cualitativos, menor ca noutras áreas de occidente, a puxanza nova dos núcleos urbanos -en Galicia, certamente, máis nacemento ca renacemento- é tamén un trazo maior da evolución histórica, dende o século XI en adiante, que se expresa na transformación física do territorio e, sobre todo, na súa reordenación dende o punto de vista económico” (p. 75 Tomo V, Vol I).

“A definición das clases sociais no feudalismo non se reduce á distinción que opón a señores e campesiños, pero esa é, sen dúbida a oposición máis importante; non só porque a liña que separa a uns e outros deixa, do lado dos outros, á gran mayoría dos homes deste tempo, senón, ademáis, porque esa é a divisoria esencial que ordena todo o sistema, deixando dun lado aos poderosos e do outro aos sometidos” (p. 9 Tomo V, Vol. II).

“As revoltas urbanas que, no século XII, estouparon en diversos enclaves da ruta de peregrinación a Santiago, constitúen un feito salientado da historia social da España da Idade Media. Nos anos 1116 e 1136, durante o pontificado de Diego Xelmírez, estes enfrontamentos tiveron en Compostela moi sonoras manifestacións. E, máis adiante, a historia dos estalidos de violencia social e política está ben ilustrada polas fontes dispoñibles para comezos do século XIV, cando ocorre a sublevación da cidade contra o arcebispo Berenguel de Landoira, e, para a segunda metade do século XV, no tempo das Guerras Irmandiñas” (p. 179 Tomo V, Vol. II).

“A incorporación dos campesiños á revolta é o trazo salientado e ben coñecido dos movementos sociais do século XV en Galicia. A absolutización do trazo, a súa conversación de escritor único e a identificación das palabras irmandiño e labrego é, por máis que non sexa infrecuente, un erro” (p. 215 Tomo V, Vol. II).

“O estudo da conflitividade social entre o século XII e o século XV revela a persistencia substancial dos elementos que a xeran. Non estraña, se consideramos que esa conflictividade responde a unha estructura social, a do feudalismo, que non se alterou tampouco nos seus trazos definitivos principais” (p. 229 Tomo V, Vol. II).