Breve Historia de Galicia

1984

NONO ART

“Pouco a pouco, Santiago de Compostela vaise impoñendo sobre as outras ses episcopais”

O cómic fai un compendio da Historia de Galicia, que comeza co asentamento nos castros en época paleolítica. Finaliza coa posesión de Gerardo Fernández Albor como presidente da Xunta de Galicia o 21 de xaneiro de 1982. Este resumo estructúrase nunha serie de acontecementos cronolóxicos importantes para Galicia e relacionados á súa vez coa historia da Península. Estes están divididos nun índice con varios apartados:

– O primeiro é “As nosas raíces” e comprende desde a época paleolítica ata o
reino visigodo.
– O segundo, “Terra con vocación de reino” comprende dende a invasión árabe ata
o reinado dos Reis Católicos.
– O terceiro, “A modernidade”, comeza coa ampliación do Estudo Xeral de Gramática en Santiago de Compostela en 1506 ata a Ilustración.
– Por último, o cuarto apartado, “Os nosos tempos”, comprende o período entre a invasión napoleónica ata a proclamación como Presidente da Xunta de Galicia a Gerardo Fernández Albor.

O Reino medieval de Galicia principia no cómic coa chegada dos pobos xermánicos no 406 d.C. e o asentamento dos suevos no 410 ata a súa caída en 585. Durante estes anos lévanse a cabo fitos importantes como a organización administrativa e política do reino suevo de Galicia ou a división en parroquias. No cómic relata que desde a incorporación das terras suevas ao reino visigodo de Toledo en 585 con Leovixildo, o Reino de Galicia pasa a formar parte do mesmo e non se menciona como reino independente.

Será a partir de Afonso I de Asturias cando os monarcas asturianos volvan recoñecer a independencia do Reino e o transmitan así nos repartos de territorios. Ademáis, grazas á construción da basílica en Santiago de Compostela, o Reino converterase na chave para a unificación cristiá de toda a Península. Esta tradición segue no tempo durante o século XI ata a chegada de Afonso VI, quen decide que as súas fillas Urraca e Tareixa gobernen en Galicia, sendo a primeira vez que o reino de Galicia se divida en dous a través do Miño. A partir deste episodio os territorios levarán camiños distintos ata a vitoria de Afonso Enriques en San Mamede en 1128, onde se recoñecerá a Portugal como reino.

Mentres que os episodios recollidos no cómic sobre os séculos XII e XIII son de expansión das cidades, os mosteiros e as ordes mendicantes, o século XIV preséntase coa gran mortandade da Peste Negra. Pola súa banda, o século XV é un período de tensión en Galicia coas revoltas irmandiñas contra a aristocracia galega.

O Reino medieval de Galicia termina no cómic coa decisión dos Reis Católicos de afianzar o seu poder en detrimento dos nobres galegos. Isto lévano a cabo mediante a instauración da Santa Irmandade, o derrubo de importantes fortalezas e a distancia da nobreza das súas terras mediante cargos no estranxeiro. O cómic remata esta parte coa frase: “Comeza a doma de Galicia”.

Breve Historia de Galicia é un cómic de 1984 publicado polo grupo editorial NONO- ART, baixo a dirección de José Antonio Parrilla, José Antonio Muñiz e Camilo Caride de Liñán. Esta editorial catalá estivo sete anos activa, dende 1979 a agosto de 1985.

As obras realizadas foron doce números, divididos en once tebeos e unha publicación con historieta:

Breu Historia de Catalunya, nº 1-3 (1979)
L’Estatut de la Catalunya Nova, nº1 (1979)
La Nostra Cultura, nº1 (1980)
Nuestra Cultura, nº1 (1981)
Breu Historia d’Andorra, nº1 (1983)
Breve Historia de Aragón, nº1-2 (1984)
Breve Historia de Galicia, nº1 (1984)
Historia de la Ciudad de La Coruña, nº1 (1985)
Historia da Cidade da Coruña, nº1 (1985)

O guión deste cómic está realizado por José Antonio Parrilla e José Antonio Muñiz. José Antonio Parrilla é un guionista de historietas especializado en tebeos didácticos realizados na editorial NONO Art. Escribiu asimesmo obras como A chamada do novo mundo: Galicia e América no século XVI (1992), A Galicia de alén mar: a aventura americana de 1600 a 1825 (1992), Casares Quiroga y La Coruña de su época, 1900- 1936 (1995), Nueve coruñeses de hoy (1995) ou El Gran Paseo: un recorrido por la historia, las gentes y el alma de La Coruña (2000) entre outras.

José Antonio Muñiz foi tamén guionista de historietas didácticas da editorial NONO ART.

Os debuxos son obra de Jaime Marzal e José María Cardona. Jaime Marzal Cardós é un debuxante especializado no mundo das historietas didácticas, autor de series de tebeos como Davy Crockett, Tirant lo Blanc, así como debuxos dos cómics da editorial NONO Art ou traballos como ilustrador de varios selos editoriais.

José María Cardona Blasi é un debuxante cunha meirande parte da súa produción feita no estranxeiro na axencia Selecciones Ilustradas, aparecendo en tebeos do selo DC Thompson. Realizou unha gran cantidade de obras como Dossier Negro, Macabro ou Zona 84 e desde os anos oitenta adícase a traballar desde Cataluña para Disney.

BIBLIOGRAFIA:

Andrés Álvarez (2009), “Editorial NONO ART”, en Tebeosfera, (2009). Dispoñible en liña en 23-VII-2022 en https://www.tebeosfera.com/entidades/editorial_nono_art.html

Andrés Álvarez e Manuel Barrero, “Jaume / Jaime Marzal Canós”, en Tebeosfera, (2009). Dispoñible en liña en 23-VII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/marzal_canos_jaime.html

Manuel Barrero e Emilio Álvarez, “José María Cardona Blasi”, en Tebeosfera (2009). Dispoñible en liña o 23-VII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/Cardona_blasi_jose_maria.html

Félix Cepriá, “José Antonio Muñiz”, en Tebeosfera, (2008). Dispoñible en liña en 23-VII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/muniz_jose_antonio.html

Félix Cepriá, “José Antonio Parrilla”, en Tebeosfera, (2008). Dispoñible en liña o 23-VII-2022 en https://www.tebeosfera.com/autores/antonio_parrilla_jose.html

José Antonio Parrilla e José Antonio Muñiz, Breve Historia de Galicia, Barcelona: Nono-Art, 1984 “Jose María Cardona”, en Lambiek Comiclopedia. Dispoñible en liña en 23-VII-2022 en https://www.lambiek.net/artists/c/cardona_jose.htm

NONO ART.

A obra non conta cunha bibliografía onde se citen as fontes utilizadas. Pola contra, o prólogo realizado en 1984 por Manuel Lucas Álvarez, catedrático de Paleografía e Diplomática da Universidade de Santiago de Compostela, si nos fala dalgunhas referencias. Neste dinos que para levar a cabo esta historieta didáctica os autores contaron co asesoramento de Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea de Santiago de Compostela desde 1987 e que naquel ano era director do Departamento de Historia Contemporánea.

1. Acontecementos socioculturais:

O primeiro acontecemento sobre o Reino medieval de Galicia é a chegada dos pobos xermánicos á Península no 406, co asentamento do pobo suevo no noroeste. A súa invasión fixo posible o fomento de acordos cos poderosos hispanorromanos para o reparto de terras e tributos. Isto favoreceu o asentamento e a convivencia entre os dous pobos, afianzada coa conversión ao Cristianismo de Reckiario no 448. Esta relixión será fomentada polo reino suevo cos Concilios Suevos de Braga en 569 e 572 e o de Lugo no 570. Así, ata a incorporación no 585 do Reino ao reino visigodo por Leovixildo,

os 174 anos que durou a monarquía sueva deixaron algún recordos perdurables na nosa historia: o labor de colonización rural, obra dos pequenos mosteiros fundados por San Martiño, continuada no século VII por San Fructuoso (…) a división do territorio galego en parroquias, o reparto da terra en latifundios e minifundios que facilitou a creación do feudalismo…a conciencia de comunidade con elementos suficientes para formar a súa propia estructura política (Breve Historia de Galicia, p.20)

A chegada dos árabes á Península é o feito que abre a segunda parte do cómic. O primeiro acontecemento relatado é a toma de Lugo polo xeneral árabe Muza no 714, que durou corenta anos. Este é relacionado co comezo da resistencia en Covadonga, no que

Afonso I, pola metade do século VIII, recupera Lugo, Tui e, máis abaixo, Braga, Chaves, O Porto e Viseu…e erma un territorio amplio entre a súa terra e a dos mouros que queda convertido en terra de ninguén (Breve Historia de Galicia, p.21).

Outro rei asturiano, Afonso II O Casto, busca unificar os seus territorios tanto de forma política como espiritual como unha forma de resistencia fronte ao poder árabe. Así, no 813 ten a oportunidade co descubrimento do sartego do Apóstolo Santiago en Compostela polo bispo Teodomiro. Este acontecemento fixo posible a unión dos dous poderes e a representación de Compostela como eixo central da Cristiandade (Breve Historia de Galicia, p.23).

A crecente importancia de Santiago preséntase no cómic con consecuencias negativas, xa que comezaron os saqueos tanto normandos como árabes durante os séculos IX e X. Estes feitos provocaron que os pequenos propietarios de terras quedaran sen sustento e pediran auxilio aos grandes señores, comezando así o sistema feudal. Este sistema preséntase non só como unha forma de organización económica senón social, xa que os señores importantes conseguen crear unha rede de dependencia persoal así como un maior poder ecónomico.

O século XI está representado no cómic co reparto dos reinos de Galicia, León e Castela por Fernando I entre os seus fillos e a traición ao rey don García de Galicia polos seus irmáns Sancho I de Castela e Afonso VI de León. Esta situación marcou un antes e despois nas relación entre os monarcas casteláns e leoneses con boa parte dos nobres galegos, cristalizando co reparto de Afonso VI das terras entre as súas fillas Urraca e Tareixa (Breve Historia de Galicia, p.27). A reticencia de varios sectores da sociedade galega contra a raíña Urraca, entre eles o bispo Diego Xelmírez, derivou na coroación do seu fillo Afonso Raimúndez na catedral de Compostela como rei de Galicia. Isto terá como consecuencia a revolta de Compostela de 1117 contra a volta da raíña Urraca e a persoa de Diego Xelmírez.

Xa no século XIII o cómic  presenta un período de cambio na cultura e na relixiosidade debido á aparición da Orden do Císter nos mosteiros galegos e polo xurdimento nas cidades das ordes mendicantes de franciscanos e dominicos. Ademáis é o século de esplendor da lírica galego-portuguesa e o estilo gótico. Tamén é un momento de crecemento de poboación e de cidades en Galicia, debido á importancia de Compostela, que conleva o maior comercio e novos foros e privilexios reais en diferentes territorios. Asimismo, as terras dan mellores colleitas e comézase a fomentar o foro como cesión a perpetuidade de terras a campesiños a cambio dunha renda.

En cambio, o século XIV estivo marcado polas malas colleitas, a fame, a Peste Negra e as guerras civís, provocando unha crise económica e demográfica. A consecuencia foi o descontento da clase popular e da burguesía e a consecución das Revoltas Irmandiñas,

Os habitantes das cidades queren liberarse do señorío. A comezos do século os burgueses de Santiago levántanse contra o arcebispo Lope de Mendoza (…) en 1465, en Lugo, os cabaleiros Afonso de Lanzós, Pedro Osorio e Diego de Lemos: A Irmandade está estendida por toda Galicia e preparada para actuar (Breve Historia de Galicia, p.36).

O período medieval remata co recoñecemento de Isabel I como raíña de Castela no 1474, sendo a última viñeta relativa a este período titulada “Tanto monta, monta tanto”,

Os Reis Católicos decididos a implanta-la autoridade en Galicia, instauran a Santa Irmandade –con poder mesmo en territorios de señorío-, mandan derrubar numerosas fortalezas e, en 1486, visitan Galicia, exercendo persoalmente xuticia en varias causas. Ós nobres galegos vanos apartando da terra ofrecéndolles cargos no extraxeiro e na corte, e riqueza na guerra de Granada. Comenza a “doma de Galicia” (Breve Historia de Galicia, p.39).

2. Lugares:

Os lugares dentro do Reino de Galicia que se comentan no cómic son:

– A cidade de Braga e os seus territorios como sés das negociacións entre xefes suevos e hispanorromanos, así como sé episcopal e centro da diócese cristiá e dos Concilios Suevos do século VI.

– Lugo como sé do Concilio Suevo de 570 así como a outra diócese metropolitana do século VI. No século VIII é considerada unha das cidades máis importantes do Reino de Galicia, saqueada e controlada polos árabes durante corenta anos.

– Britonia como cidade cerca de Mondoñedo fundada por bretóns fuxidos das invasións anglosaxonas no século VI.

– Compostela como lugar de descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago e centro de peregrinación. Foi obxecto de saqueos dos musulmáns no X con Almanzor. No século XII será o centro da cristiandade peninsular, coa figura do bispo Diego Xelmírez.

– Iria Flavia como centro das invasións normandas do X.

3. Personaxes:

Conversión de Reckiario no 448 Leovixildo, rei visigodo (século VI).

Afonso II o Casto Afonso Henriques, rei de Portugal no s.XII.

Autores da lírica galego-portuguesa Pedro Pardo de Cela.

No cómic non se fan referencias claras ao papel das mulleres no Reino de Galicia. Só se nos fala da raíña Urraca como un personaxe odiado pola sociedade galega en contraposición co seu fillo Afonso Raimúndez (Breve Historia de Galicia, p.29).

Outro episodio no que se menciona ás mulleres é o recoñecemento de Isabel I de Castela como raíña polo arcebispo Fonseca e os señores galegos.