Justo Beramendi. Imaxe da Asoación de Escritores en Lingua Galega (AELG)

Justo Beramendi

Sobre o Reino de Galicia: “É un Guadiana que non é nin deixa de ser”

Defende que sucesivas versións sobre a realidade teñen máis que ver coas actitudes e intereses dos propios historiadores que coa realidade duns feitos diferenciais que efectivamente marcan a historia de Galicia.
Por Orestes Peak

A realidade de Galicia como reino medieval independente deriva para o historiador Justo Beramendi dunha serie de feitos que se suceden desde a Alta Idade Media dando forma a unha historia intermitente. Beramendi, Premio Nacional de Ensaio en 2008 pola obra De provincia a nación: Historia do galeguismo político, estima que sucesivas versións sobre a realidade teñen máis que ver coas actitudes e intereses dos propios historiadores que coa realidade duns feitos diferenciais que efectivamente marcan a historia de Galicia. Afirma Beramendi que é, a Historia do Reino de Galicia, a dun “Guadiana que non é nin deixa de ser”.

O historiador destaca algúns procesos e institucións decisivas que marcan desde a Idade Media a personalidade propia do país e teñen lugar na idade media e ata enlazar na idade moderna cos Reis Católicos e a idea dunha unidade dos reinos de España. Entre eles salienta:

  • A xénese dunha lingua propia,
  • O suceso da inventio do Apóstolo que dá paso ao Camiño de Santiago,
  • A influencia do monacato cisterciense,
  •  A creación do reino de Portugal no S XI, que escinde un territorio unificado desde a época romana, o foro como base dunha estrutura social que permanece ata o S XIX e as guerras irmandiñas que anticipan as revoltas posteriores das clases urbanas contra a nobreza.

O historiador contrapón as diferentes visións de historiadores que menosprezan a Galicia desde unha historiografía de relato españolista e lineal fronte a eses feitos históricos.

Beramendi  destaca tamén o cambio de orientación de historiadores galegos, como Murguía, que abandona a riqueza analítica inicial sobre a realidade histórica por unha postura rexionalista onde Galicia é a vítima, a terra asoballada polo reino de España dos rexionalistas.